Valdoviño celebrará o seu Día da Bicicleta o domingo 28 de setembro cun itinerario en paralelo ao encoro das Forcadas

Con participación de balde, é preciso inscribirse previamente na casa consistorial ou na delegación de La Voz de Galicia en Ferrol

Valdoviño, 16 de setembro do 2025. Valdoviño celebrará o domingo 28 de setembro o Día da Bicicleta. A xornada volverá ter como escenario as parroquias de Loira e de Vilaboa, cun percorrido duns 11 km bordeando o encoro das Forcadas. Con dificultade baixa e escasa esixencia, está especialmente ideado para persoas de todas as idades, dende nenos e nenas ata persoas adultas. Saída e meta situaranse no campo de fútbol Juan Sabín-O Lameiro (en Vilaboa), onde está prevista a concentración das persoas participantes a partir das 11:00 horas para iniciar o percorrido xa ás 11:30 h.

A iniciativa está organizada pola Concellería de Deportes do Concello de Valdoviño, RadioVoz e a delegación de La Voz de Galicia en Ferrol, e conta co apoio de Protección Civil, Policía Local e Garda Civil, e o patrocinio da Cooperativa de Vilaboa, Eroski-Vegalsa, Proymel e Cándido Hermida. Así mesmo, diferentes negocios colaborarán no sorteo de agasallos cos que rematará a xornada.

A participación é de balde, con inscrición previa a partir de xa. Pódese formalizar no rexistro xeral da casa consistorial de luns a venres de 9 a 14 horas, ou na delegación en Ferrol de La Voz de Galicia (r/Manuel de Cal, 4). Tamén, dende media hora antes do inicio no mesmo campo de fútbol de Vilaboa.