Valdoviño celebrará o sábado 22 de abril o seu I Mercado Ecolóxico e de Consumo Responsable

Quince produtores e artesáns participarán na cita, que terá lugar na Porta do Sol cunha morea de actividades complementarias

Valdoviño, 14 de abril do 2023. O Concello de Valdoviño acollerá o vindeiro sábado 22 de abril o seu I Mercado Ecolóxico e de Consumo Responsable. Terá lugar na Porta do Sol, fronte á Casa de Joselito, dende as 10 horas, e ata as 15 horas. Tras o proceso aberto pola Administración local para a adhesión de artesáns e comerciantes á iniciativa, finalmente cubriuse o cupo máximo de 15 postos de moi diversos sectores: dende a alimentación ata a moda, pasando pola artesanía ou a hixiene no fogar. En todo caso, na súa maioría proceden da comarca, e tamén de Valdoviño, e contan con produtos con certificación do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica (CRAEGA), produtos ecolóxicos, frescos ou de proximidade -incluíndo granel ou produtos de residuos cero-, segunda man ou artesanía. 

Así mesmo, a programación do mercado, que se daba a coñecer esta mañá, inclúe unha morea de actividades complementarias, como sesión de batukada coa asociación Valdoviño Cultura Extrema, 2 charlas-degustacións a cargo das firmas Galo Celta e Acastrexa ás 11:00 e ás 11:30 horas; unha mesa redonda ás 12:00 horas e xogos guiados para os e as máis pequenas da casa ás 13:00 horas. Sobre esa hora, The Flows ofrecerá un concerto e comezará unha acción de intercambio de libros e roupa aberta á cidadanía. 

Será un punto de encontro para a veciñanza que aposta polos produtos de proximidade e ecolóxicos, e ao tempo, permitirá axudar a aqueles produtores e produtoras que desexen dar a coñecer os seus produtos. 

Relación de produtores e artesáns participantes: 

– Iria García

– Cecilia Machado

– La Brujita Artesana

– Ramón Domato

– Foxo Artesanía

– Galo Celta

– Eco y Natural

– Acastrexa

– Dévalo mel

– Revolución de los graneles

– Livegens

– Slowbasic

– Rocigarcia

– Essenzo Cacao

– Vacaloura