Valdoviño celebrará o sábado 21 de febreiro o seu XXVI Festival de Entroido
Como novidade deste ano, no caso das comparsas, as gratificacións á participación substitúen aos premios
Valdoviño, 10 de febreiro do 2026. O Concello de Valdoviño abre este mércores inscricións no XXVI Festival de Entroido, que celebrará o sábado 21 de febreiro no anfiteatro da casa da cultura, baixo carpa, e tras o desfile previo que, como é tradición, partirá da casa da cultura contra as cinco e media da tarde. Como novidade, este ano non haberá premios ás mellores comparsas, senón que cada unha das participantes recibirá 400 € en concepto de gratificación á participación. As bases poden consultarse na páxina web municipal (www.concellodevaldovino.com), e tamén no portal poden descargarse os ficheiros para presentar ben na casa da cultura de luns a venres de 10 a 14 h -agás festivos- ou a través da sede electrónica. Nos dous casos, o prazo conclúe o 18 de febreiro ás 14:00 horas.
Admitiranse un máximo de 8 comparsas, e en caso de que se rexistren máis solicitudes, celebrarase un sorteo do que quedarán excluídas as comparsas de Valdoviño (cun mínimo do 51% de participantes empadroados/as na localidade). Xunto a esta categoría, haberá tamén a de grupos (entre 3 e 9 integrantes), parellas (2 integrantes) e disfraz individual (para estes últimos, abrirase un periodo extra de inscrición o mesmo día do festival, de 17 a 17:15 h, no propio concello). As 3 categorías optarán a premios de 130 €, 80 € e 40 € respectivamente. Será neste caso un xurado integrado por un representante municipal, do tecido asociativo e o presentador do festival, Avelino “O cego das covas”, o encargado de valorar e puntuar atendendo a unha serie de requisitos obxectivos recollidos nas bases.
Ademais, e fóra de concurso, o Concello de Valdoviño anima a todos os veciños e veciñas a disfrazarse e participar do desfile que precederá ao festival.
