Valdoviño celebrará o Entroido cunha festa infantil e un concurso en redes sociais
A celebración para os máis pequenos e pequenas da casa terá lugar o sábado 26 no pavillón do Longoiro
Valdoviño, 16 de febreiro de 2022. O Concello de Valdoviño avanzou esta mañá a programación de actividades coa que celebrará este ano o Entroido. Así, combinará accións online xunto coas presenciais, estas últimas extremando as medidas de prevención fronte á covid-19. Deste xeito, o sábado 26 de febreiro, organizará o Encontro de Entroido Infantil no pavillón municipal do Longoiro. Cunha temática centrada nos océanos, a festa dará comezo ás 17 horas e prolongarase ata as 20 horas, dirixida a nenos e nenas e ás súas familias.
Haberá inchables -con grupos reducidos, limitando os tempos e realizando tarefas de desinfección-; talleres creativos e ambientación musical. Volverá a apostarse tamén pola zona baby, con actividades para os máis pequerrechos e pequerrechas da casa. E contaremos un ano máis co caricaturista, unha das propostas estrela que máis éxito ten sempre na festa infantil. En todo caso, e para maior control do aforo, ampliarase o número habitual de monitores e monitoras.
Así mesmo, e trala edición de 2021, o Concello reedita o certame «Entroido en redes», convidando á veciñanza a disfrazarse, individualmente, en grupo ou comparsa, e enviar as súas imaxes -fotografías ou vídeos- de modo que se compartan nas redes sociais municipais. Entre todas, elixiranse ás máis orixinais e premiaranse con vales canxeables no comercio e hostalería locais. As bases están a disposición da veciñanza na web municipal e o prazo de recepción das fotografías abrirase o 24 de febreiro (ata o 3 de marzo).
BASES ENTROIDO EN REDE EN GALEGO
BASES ENTROIDO EN REDE EN CASTELÁN