Valdoviño celebrará o domingo 27 de setembro o seu Día da Bicicleta
A actuación permitirá mellora o sinal en 22 lugares de Loira e Vilaboa
Valdoviño, 16 de setembro do 2026. O Concello de Valdoviño pechará o domingo 27 de setembro o calendario deportivo do mes cunha nova edición do Día da Bicicleta. A actividade volverá ter como escenario o encoro das Forcadas, entre as parroquias de Loira e Vilaboa. Desta volta, e se a chuvia non lle pon remedio, cunha paisaxe bastante inusual nos últimos tempos, cuns niveis hídricos moi baixos na maior parte do percorrido, que mesmo deixan ver ás claras os restos das antigas edificacións asolagadas pola construción do encoro. O que si se repetirá será o ambiente festivo e familiar da cita, dirixida a nenos e nenas e persoas adultas.
O percorrido, bordeando As Forcadas, será de 11 km de dificultade baixa, con concentración ás 11:00 horas no campo de fútbol Juan Sabín-O Lameiro. Neste lugar habilitarase a partir das 10:30 horas un punto informativo no que tamén se poderán realizar as inscricións de última hora. A saída está prevista para as 11:30 horas, o casco é obrigatorio, e ao remate do itinerario, procederase ao sorteo de agasallos co apoio dunha morea de negocios locais.
A iniciativa está organizada pola Concellería de Deportes, promoven La Voz de Galicia e Radiovoz, e patrocinan a Cooperativa de Vilaboa, Cándido Hermida e Eroski. Así mesmo, Protección Civil e Policía Local participarán no dispositivo de seguridade que se activará ao longo do percorrido.
A partir deste venres pola mañá, a folla de inscrición pode recollerse e entregarse no rexistro municipal da casa consistorial, e tamén na delegación en Ferrol de La Voz de Galicia -rúa Manuel de Cal, no Cantón de Molíns-.
