Valdoviño celebrará o Día de Rosalía co contacontos de Trémola “Historias Soñadas”

Dirixida a nenos e nenas a partir de 2 anos, a función terá lugar este domingo no auditorio da casa da cultura con entrada libre

Valdoviño, 20 de febreiro de 2024. O Concello de Valdoviño festexará o Día de Rosalía cun contacontos teatralizado da compañía Trémola dirixido aos máis pequenos e pequenas da casa, nenos e nenas a partir de 2 anos. Será este domingo 25 de febreiro, a partir das 18:00 horas no auditorio da Casa da Cultura, con entrada libre e de balde.

Baixo o título «Historias Soñadas», Trémola ofrecerá un espectáculo creado a partir dos textos e retazos da vida de Rosalía de Castro. Mestura poesía, cancións e música para achegar ás crianzas a unha das figuras máis importantes da literatura e cultura galegas.