Valdoviño celebrará a XX edición da súa Mostra de Asociacións o 13 de maio
Concello e entidades recuperan esta cita trala pandemia e poñen á venda os tickets para o xantar popular, que se celebrará en Pantín
Valdoviño, 20 de abril do 2023. A parroquia de Pantín será este ano escenario da XX edición da Mostra de Asociacións de Valdoviño. O municipio recupera así a tradicional cita tralo parón forzado pola pandemia, e Concello e entidades volver unir forzas na súa organización. Celebrarase o sábado 13 de maio, baixo unha gran carpa que se instalará na pista deportiva anexa ao local social. O programa seguirá o mesmo guion doutros anos: sesión vermouth, xantar popular e actuacións musicais e de baile. Os tickets para a comida véndense a través das distintas asociacións, dende xa e ata o 4 de maio, ao prezo único de 9 euros para menores de ata 12 anos, e de 18 euros para o resto. O menú inclúe callos, costilla con guarnición, tarta de queixo, pan, bebida e café.
Pero antes do xantar, a solista Ángeles amenizará a partir das 12 horas a sesión vermouth coa que arrancará a mostra. Ás 14 h comezará a comida, na que se confía en reeditar os magníficos rexistros de edicións previas á pandemia. E xa sobre as 17 horas, arrancarán as actuacións dos seguintes grupos e formacións: grupo de baile e pandeireta de Vilaboa, batukada de Valdo-tukada, cantareiras de Meirás, baile de zumba de adultos de Lago, baile moderno de nenos de Lago, pandeireta de Lago, baile galego de Lago, gaitas de Lago e bailes do mundo de Mulleres de Lago.
Haberá tamén sorteo de agasallos, aportados polas diferentes asociacións e entidades que participan no evento, e como final de festa, baile de novo coa actuación da intérprete Ángeles.