Valdoviño celebra o Día do Orgullo Neofalante cunha actuación musical e unha exposición dirixidas aos mozos e mozas

MJ Pérez ofrecerá este xoves para o alumnado da ESO do CPI Atios o concerto-charla “Sube ao Galego” na Casa da Cultura

Valdoviño, 21 de setembro do 2022. O Concello de Valdoviño celebrará o Día do Orgullo Neofalante cunha actuación de MJ Pérez dirixida á mocidade e coa exposición Cantámola no CPI Atios. A primeira proposta desenvolverase mañá xoves a partir das 17:00 horas na Casa da Cultura, dirixida ó alumnado da ESO do centro educativo. En grupos, poderán asistir ó concerto-charla «Sube ao Galego» con MJ Pérez, unha das novas voces no panorama actual da música galega. Acumula máis de 100 concertos en diferentes cidades e pobos de Galicia e Portugal, e xa ten tres álbums: un autopublicado (Ollos que non ven, síntoma de cegueira) e dous autoproducidos (Guerrilleira e Casandra). A música de MJ Pérez bebe da esencia da composición, unha fusión de diferentes estilos musicais co predominio do rock-pop. A palabra e a mensaxe dos temas adquiren un protagonismo especial xunto coa súa voz, chea de personalidade. En Valdoviño, entablará un diálogo coa mocidade sobre a lingua e a experiencia artística.

Así mesmo, na actividade traballarase sobre os diferentes referentes da mocidade e na súa relación cos valores das linguas, neste contexto farase incidencia no fenómeno emerxente de creación musical en lingua galega como modelo de impulso do uso e prestixio do galego. A busca conxunta de referentes e motivacións do alumnado en distintas iniciativas ao redor da lingua tamén será motivo de reflexión e diálogo.

Ademais, a vindeira semana, chegará ó noso municipio a expo «Cantámola», unha mostra dedicada á música do noso país, formada por 14 paneis que amosan a rica oferta musical de Galicia e en galego, en ámbitos como as músicas urbanas, rap, mestizaxe, experimentación electrónica, pop – rock ou infantil, entre outros.

Tanto a actuación anterior como a exposición, que permanecerá durante toda a semana no CPI Atios, están organizadas polo Servizo de Normalización Lingüística que o Concello de Valdoviño comparte cos concellos de Cabanas, Ares, Mugardos e Neda a través da Mancomunidade