Valdoviño celebra este venres a primeira edición nocturna do seu mercado ecolóxico e de consumo responsable
A cita terá lugar na Porta do Sol de 19:30 a 00:30 h, con preto dunha vintena de postos de venda e con actividades de lecer complementarias
Valdoviño, 22 de agosto do 2024. A Porta do Sol acolle este venres, 23 de agosto, a primeira edición nocturna do Mercado sostible de Valdoviño. A iniciativa, orientada a pór en valor a produción ecolóxica, de proximidade, e artesanal, arrincará a última hora da tarde, e contará con distintas actividades complementarias de lecer.
Un total de 17 firmas, algunhas delas de Valdoviño, participarán con espazos de exhibición e venda neste mercado, que se activará a partir das 19.30 horas, e estará operativo ata pasada a medianoite. Veciñanza e visitantes poderán achegarse a pasear e mercar, descubrindo o traballo de firmas que apostan por un modelo de produción máis respectuoso co medio, e polo consumo responsable.
Así, haberá postos de alimentación –poderanse comprar dende as célebres Maruxas de Nata ata conservas vexetais elaboradas na Fusquenlla ou mel-, de artesanía (bixutería con cristais reciclados, arxila e madeira), complementos (bolsos sostibles, gafas de bambú e reloxos feitos en madeira…), arte, accesorios para mascotas… Non faltarán as degustación de flocos de millo por compras superiores aos 5 euros, nin o espazo para o troco de libros.
Finalmente, durante o evento presentarase o vídeo promocional do municipio “Hidrolatrías. Valdoviño, un paraíso ligado á auga” (22.30 horas) e, a continuación, haberá música. A partir das 23 horas arrincará o concerto de Black quinteto co espectáculo “Black goes funky-disco”. Ambas actividades están financiadas pola Xunta, a través de Turismo de Galicia, no marco da declaración do Pantín Classic como Festa de Interese Turístico de Galicia.
A edición nocturna do Mercado Sostible porá punto final á programación municipal de “Contares culturais nas festas de verán”.