Valdoviño celebra este sábado o seu II Mercado Ecolóxico e de Consumo Responsable
A cita terá lugar na Porta do Sol, de 10:00 a 15:00 h, cunha vintena de postos de venda e unha morea de actividades de lecer complementarias
Valdoviño, 21 de xuño de 2024. Valdoviño celebra mañá sábado a segunda edición do seu Mercado Ecolóxico e de Consumo Responsable. Organizado pola Concellería de Cultura e Turismo, a cita terá lugar na Porta do Sol, na explanada sita fronte á Casa Joselito, entre as 10:00 e as 15:00 horas. Preto dunha vintena de firmas e produtores confirmaron a súa presenza, e durante toda a mañá contarán cun espazo de venda na zona. Ademais destes, o público poderá desfrutar de diferentes actividades complementarias de lecer. Entre elas:
-11:15 horas: sesión de cine ao aire libre coa proxección do filme “Os pousos do café: unha historia de amizade e comercio xusto”
-12:00 horas: espectáculo de títeres coa compañía Cachirulo, e o seu show “O cachimóbil” -actividade que conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística-
-12:45 horas: cata de chocolates da man de diferentes marcas de comercio xusto
-13:15 horas: e concerto estelar de #DosEnPunto, con Carlos Bau e Hugo Torreiro
Así mesmo, ao longo de toda a xornada, haberá un espazo de troco de roupa usada e unha área de xogos infantís.
FIRMAS PRESENTES
No mercado, poderemos atopar firmas de moi diferentes sectores, dende alimentación ata decoración do fogar, pasando por moda e complementos: as saborosas Maruxas de Nata, galletas elaboradas a partir de ingredientes 100% ecolóxicos; a mel natural de Devalo; os cogomelos e produtos micolóxicos de Manda Carballo; os exquisitos embutidos de Galo Celta, e as conservas vexetais elaboradas con produtos da súa horta en Valdoviño da firma Ay! Carmen. Tamén Amora e Melón, espazo de consumo responsable onde atoparemos alimentación ecolóxica, pero tamén moda sostible, cosmética natural e artesanía, e máis Solidariedade Internacional de Galicia. Comercio Xusto.
No eido da moda e dos complementos, acudirán a Valdoviño: Panadería Designs, cos seus bañadores confeccionados con tecidos elaborados con plásticos reutilizados; Jerolas, e as súas prendas inspiradas nas nosas antecesoras, campesiñas con toda a luz, cor e modernidade que lles transmitiron e nunca tiveron ; Livegens, coas súas gafas de sol de bambú e reloxos de madeira feitos a man; Mauve, coas súas xoias artesanais; os accesorios sostibles feitos a man para cans de The Woofie´s Club; a bixutería creativa en madeira e arxila de Azul Gris; a bixutería con vidro reciclado e elaboración a man e con fornos de leña de Na Mea Nani, e os bolsos e complementos sostibles que apostan polos principios ecolóxicos e as tres «R» de Miña Terra.
E, pechando presentacións, as firmas de decoración con La chica de la cinta, e as súas ilustracións, que dan ese toque singular e único a cada elemento decorativo, e Antonia Studio, que traerá as súas pezas de cemento creadas a man con materiais reciclados do noso día a día.