Valdoviño celebra este sábado en Pantín a XX Mostra de Asociacións

Preto de 300 veciños e veciñas asistirán ao xantar popular
Valdoviño, 8 de maio do 2023. Valdoviño celebrará este sábado 13 de maio a XX edición da Mostra de Asociacións. Pechado o prazo de reservas para o xantar popular, preto de 300 veciños e veciñas sentaranse á mesa baixo a gran carpa habilitada na pista deportiva anexa ao local social de Pantín, parroquia que este ano acollerá a cita. O municipio recuperará así o encontro, despois do parón forzado pola pandemia, e semella que o fará con máis ganas de nunca de reatoparse.
Organizada polo Concello e as asociacións da localidade, a mostra volverá a contar co apoio das cooperativas de Lago, de Meirás e de Vilaboa, e o programa arrancará sobre as 12:00 horas cunha sesión vermouth amenizada pola solista Ángeles. Ás 14:00 horas, celebrarase a comida, e xa pola tarde, están previstas as actuacións dos grupos de baile e de música das parroquias. Como colofón, fin de festa coa actuación da intérprete Ángeles, que convidará ao público a sumarse ao baile.