Valdoviño celebra este sábado a VI edición da súa Xuntanza de Palilleiras e Multilabores

Máis de 350 persoas confirmaron asistencia procedentes de toda Galicia e doutras comunidades como Asturias, Castela e León e Valencia

Valdoviño, 2 de xuño do 2025. Máis de 350 palilleiras confirmaron a súa asistencia á VI edición da Xuntanza de Palilleiras e Multilabores do Concello de Valdoviño. Celebrarase este sábado, 7 de xuño, no pavillón municipal O Longoiro, en Meirás, organizada pola Asociación de Mulleres do Rural María del Mar Becerra coa colaboración do Concello de Valdoviño. Un ano máis, brindaranos unha oportunidade única para achegarnos a este traballo artesanal, consolidándose tamén como un magnífico escaparate turístico do municipio. E é que as palilleiras que asistirán proceden dun bo número de localidades de toda Galicia e tamén doutras comunidades españolas como Asturias, Castela e León ou Valencia.

Segundo explica Charo Guerra, presidenta da asociación organizadora, o pavillón abrirá as súas portas ás 10:30 horas para recibir ás persoas participantes, e sobre as 11:30 horas, celebrarase a inauguración oficial, coa asistencia do alcalde de Valdoviño, Alberto González. En paralelo, comezarán as demostracións en directo. Ademais, o recinto acollerá durante toda a xornada unha exposición de traballos das diferentes actividades que organiza ao longo do ano a Asociación de Mulleres do Rural no local social de Montefaro. Tamén regresarán numerosos postos de venda, que ofrecerán dende produtos de artesanía ata alimentación. E, xunto a eles, volverá estar presente a delegación en Valdoviño de Manos Unidas, cun stand solidario.

Ás 13:30 horas, haberá un descanso para o xantar, e a xuntanza retomarase xa ás 16:00 horas. Media hora máis tarde, o público poderá desfrutar da actuación en directo do grupo local Los Nostálgicos. Por último, a agrupación musical clausurará a cita xa sobre as 19:00 horas con algúns dos seus temas.