Valdoviño celebra este domingo o VI Mercado Sostible e Ecolóxico edición especial San Xoán

Dezaseis firmas e artesáns tomarán parte na cita organizada polo Concello na Porta do Sol, entre as 12:00 e as 20:30 horas, con obradoiros de cerámica e creación de sombreiros con flores e actuacións musicais

Valdoviño, 17 de xuño do 2026. Valdoviño celebrará este domingo 21 de xuño o seu VI Mercado Sostible e Ecolóxico. Será unha edición especial San Xoán, cunha morea de propostas para todos os públicos moi apegadas á tradición. O evento celebrarase na Porta do Sol, de 12:00 a 20:30 horas, organizado pola Concellería de Cultura e Turismo. Os postos de venda de produtos ecolóxicos, de proximidade e artesáns volverán ser un dos principais reclamos, xunto aos obradoiros, propostas musicais e charlas.

Dezaseis firmas de moi diversos sectores tomarán parte na cita:

  • Galo Celta 
  • Devalo 
  • Slow
  • Manda Carballo 
  • Miña Terra 
  • Mai cerámica 
  • 2ndenini 
  • Laura Molero 
  • Panadería design 
  • Jabes 
  • Casa Curtis 
  • Bensenta
  • Lunazul
  • Bea Barros 
  • Bieiteira 
  • Violeta Mint

Respecto ao programa complementario, arrincará xa ás 10:30 horas, cun roteiro de recollida das herbas de San Xoán guiado por Pili Silva e Rafael Quintía, autores do libro “Plantas medicinais e remedios curativos da etnobotánica galega”. Con inscrición previa, as persoas interesadas en tomar parte na iniciativa, gratuíta, deben reservar praza entre hoxe e o venres chamando aos teléfonos de Cultura:  981 487 666 e 645 305 229.

Sobre as 12:15 h, o antropólogo, profesor e escritor Rafael Quintía ofrecerá unha conferencia sobre Tradicións, Ritos e Mitos da Festa de San Xoán.

A programación incluirá desta volta os obradoiros de sombreiros con flores, a cargo de Mirari Urruzola, e de cerámica con herbiñas do San Xoán, coa artista local Martina Beceiro. Os dous, ás 12:30 horas, de balde, e con inscrición dende as 12:00 h e ata cubrir prazas. E xa ás 13:30 horas, o público poderá desfrutar da actuación musical de “La casa del árbol”.

Pola tarde, regresarán os obradoiros, con novas sesións ás 17:30 horas (e inscricións a partir das 17:00 horas), e ás 19:00 horas, o encontro acollerá a actuación estelar de Uxía Lambona e a banda molona, co seu espectáculo “Eeiii Carballeira!”, que chega a Valdoviño da man da Rede Cultural da Deputación Provincial da Coruña.

Por último, o Mercado Ecolóxico contará de novo cun punto de troco de libros e espazo infantil con diferentes xogos e pasatempos. Dúas iniciativas que redondean unha programación top, e que conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, financiando o proxecto “Valdolingua IV. Vivelingua O San Xoán”.