Valdoviño celebra este domingo o Día da Biblioteca coa obra teatral “As bombas e o xeneral”, da compañía Tanxarina

Dirixida a un público familiar, a función celebrarase na Casa da Cultura

Valdoviño, 18 de outubro de 2021. O Concello de Valdoviño celebra este domingo 24 de outubro o Día da Biblioteca coa representación da obra teatral «As bombas e o xeneral», da compañía Tanxarina. Dirixida a un público familiar, a función dará comezo ás 18 horas no auditorio municipal, e inclúese na Rede Cultural da Deputación provincial da Coruña. 

A entrada é gratuíta, pero é preciso retirar previamente invitación na Casa da Cultura, entre hoxe e o venres -ou ata completar aforo- en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 h. 

“As bombas e o xeneral” é un espectáculo que recrea con siluetas animadas, música e actores a historia dun xeneral que quere organizar unha guerra e para iso conta cun arsenal de bombas atómicas. Os átomos saben das intencións do militar e deciden fuxir a un lugar mellor. Así, o xeneral verá frustradas as súas intencións. 

Trátase dun espectáculo de total actualidade para concienciar aos máis pequenos e pequenas dos danos que provocan as guerras e as súas consecuencias. Un final amable para unha situación de conflito onde a compañía tamén presenta os efectos devastadores dun combate miitar.