Valdoviño celebra esta fin de semana a XXVIII Baixada de Carrilanas, puntuable para os circuítos galego, estatal e europeo
A casa do concello acollía esta mañá a presentación oficial da cita
Valdoviño, 3 de agosto do 2026. A XXVIII Baixada de Carrilanas de Valdoviño volverá ser puntuable para a Copa Galicia, para a Copa de España e para a Copa de Europa. Esta mañá tiña lugar a presentación oficial da cita na casa consistorial coa participación do adxunto á directora de carreira, Diego Barcia; David Riola, integrante da asociación organizadora; Sergio Saavedra, concelleiro de Deportes, e Alberto González, alcalde da localidade. A baixada celebrarase este ano do venres 7 ao domingo 9 de agosto, esta mesma fin de semana, coa participación confirmada de 56 deportistas, cifra óptima para desfrutar do espectáculo. Proceden maioritariamente de territorio nacional, e tamén, do Norte de Europa. O vixente campión de España e gañador da proba nos últimos 9 anos, Christian Marugán, parte unha vez máis como o gran favorito.
Os pilotos descenderán por un percorrido espectacular de 1.207 metros, con saída no Graño e meta en San Mamede. En canto á programación, a organización repetirá a fórmula de éxito que a acompañou ata o momento. O venres 7, ás 12 h, abrirase a zona de acampada gratuíta. O sábado 8, de 15 a 16 h, terán lugar as verificacións técnicas e administrativas. Ás 16:30 h, o remonte de participantes á liña de saída. Ás 17 h, os primeiros adestramentos oficiais, e xa ás 18 h, a saída da primeira baixada oficial. A programación do sábado pecharase coa cea carrilaneira (e cun menú a 10 euros), e o XII Festival de Karaoke sobre as 22:00 horas.
O domingo pola mañá, de 12 a 13 h, está reservada para os máis pequenos e pequenas, que competirán por ser os máis veloces nos seus vehículos (con dúas categorías: de 1 a 5 anos e de 6 a 13). Seguiralle a sesión vermú, e a paellada de marisco a prezos populares (racións a 8 euros). E xa ás 16 h, remonte de participantes á liña de saída para, media hora despois, iniciarse a baixada oficial. Haberá 3 premios ás carrilanas máis humorísticas, e un trofeo para os 3 primeiros de cada categoría, ademais dun premio ao mellor salto.
Así mesmo, o adxunto ao director de carreira marcábase de novo a seguridade como obxectivo número un da cita, e aínda que aseguraba que o risco cero non existe, a organización concentra todos os seus esforzos para achegarse a el, destacando o amplo dispositivo desplegado, e agradecendo a colaboración das forzas e corpos de seguridade, así como dos membros de Protección Civil da comarca. Diego Barcia destacaba tamén o relevo que se dá na dirección de carreira, xa que a partir deste ano ocupará o posto Lara Bouza Torres, que participa da cita dende que era unha crianza, co que a proba queda en moi boas mans polo seu extraordinario coñecemento da baixada.
Pola súa banda, o alcalde, Alberto González, reivindicaba a baixada como un importantísimo escaparate turístico para Valdoviño, no que o deporte e a tradición volve converterse en reclamo para visitar a localidade. Xunto a Diego Barcia animaba así a cidadanía a desfrutar da programación da cita, e no caso das baixadas, baixo a observación estricta das indicacións da organización.
