Valdoviño celebra a súa V Gala do Deporte
A festa do deporte local terá lugar este venres ás 20:30 h no auditorio
Valdoviño, 18 de abril de 2024. O Concello de Valdoviño celebrará mañá venres a V edición da súa Gala do Deporte. A cita arrancará ás 20:30 horas no auditorio da casa da cultura con actuación musical, a do dúo Maio formado pola intérprete Lorena Hermida e o músico Jorge Casas. Repiten sobre o escenario, e novamente poñerán a nota musical á velada. Estará conducida polo xornalista Raúl Salgado, tamén integrante do xurado que valorou as candidaturas presentadas por clubs, asociacións e veciños/as. Ademais del, participaron da decisión o técnico de Deportes, Enrique Bouza, e os xornalistas deportivos Elba de la Barrera, Juan Quijano e Adán Puentes.
O concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, avanzaba esta mañá que serán 25 os e as deportistas locais premiados na cita nun total de 18 disciplinas, e lembraba que os méritos de todos eles correspóndense ao exercicio 2023. Ademais, entregaranse 9 mencións especiais. Entre elas, pola promoción de Valdoviño a nivel internacional; a toda unha vida no deporte; polo fomento da canteira; o impulso á práctica deportiva, ou á mellor progresión ou promesa. Os nomes duns e doutros desvelaranse o mesmo venres.
Finalmente, a Gala concluirá coa intervención do alcalde, Alberto González, encargado de dar a coñecer o nome do/a deportista do ano. Un recoñecemento que nas tres primeiras edicións conquistaba a nosa deportista máis internacional, a xogadora de balonmán Alicia Fernández, e na cuarta, outro dos nosos deportistas máis recoñecidos, o capitán do Basketmi Miguel Romero.