Valdoviño avanza a programación da II edición de “Contares Culturais nas Festas do Verán”

A orquestra Bravú Xangai e Encrucillada inauguran o 18 o cartel, que inclúe a Copos de Avena, o Mago Antón, Teatro Ghazafelhos, Los Nostálgicos, Le Barluthier e a colaboración especial de Xurxo Souto

Valdoviño, 11 de agosto do 2025. O Concello de Valdoviño avanza o cartel da segunda edición de “Contares Culturais nas Festas do Verán”, repleto de propostas durante a vindeira semana, do luns 18 ao venres 22 de agosto. Música, maxia, teatro, percorrido sonoro e un mercado sostible nocturno no programa, que volve contar co respaldo da Deputación da Coruña a través da Rede Cultural e máis da Axencia Turismo de Galicia e Abanca no marco da subvención ao Pantín Classic omo Festa de Interese Turístico de Galicia.

A Orquestra Bravú Xangai e Encrucillada inaugurarán o cartel do programa o vindeiro luns 18 de agosto ás 21:30 horas na Porta do Sol. Ao día seguinte, martes 19, e incluído no Festival Jazz na Costa Ártabra, proponnos un roteiro polos «Balcóns ao Atlántico», con saída da praia de Pantín ás 19 horas e coa colaboración de Xurxo Souto. O concerto de «Copos de Avena» na contorna da praia do Baleo, ás 21 horas, porá o broche de ouro á xornada. Xa o mércores, o parque da Frouxeira será o escenario do espectáculo «50», do Mago Antón, con funcións ás 13 h, ás 17 h, ás 18:30 h e ás 20 h.

O xoves 21 ás 20 h, Teatro Ghazafelhos representará as súas «Historias para escagarriñarse» no adro da igrexa do Carme, en Valdoviño. E o venres 22, a Porta do Sol acollerá unha nova edición nocturna do Mercado Sostible, baixo o lema «Surf, praias e vida», dende as 19 h e ata a medianoite. Entrementres, actuacións de Los Nostálgicos (20:30 h) e Le Barluthier (22:00 h).