Valdoviño autoriza a actividade de doce escolas de surf nas praias do municipio agás Campelo

Poderán levar a cabo a súa acción formativa nos areais durante todo o ano

Valdoviño, 5 de xuño do 2026. O Concello de Valdoviño vén de autorizar a actividade de doce escolas de surf nas praias do municipio, agás Campelo, que continúa reservada para a práctica do surf libre. Coa correspondente notificación ás empresas, a Administración local concluía estes días o proceso administrativo iniciado hai xa meses, motivado polos cambios derivados polo traspaso das competencias en materia de ordenación e xestión do litoral do Goberno central ao autonómico. Daquela o Concello solicitaba manter como ata ese momento a competencia para autorizar a ocupación e utilización dos terreos e benes de dominio público marítimo-terrestre mediante as instalacións e actividades descritas nun plan municipal de explotación dos servizos de tempada.

En paralelo, aprobaba tamén unhas novas bases reguladoras do procedemento de concesión de autorizacións. Os principais cambios foron a ampliación a 15 do tope de escolas autorizadas e a vixencia dos permisos, durante todo o ano, e por un exercicio ampliable. Mantense, iso si, a obrigatoriedade de impulsar accións de ámbito social, medio ambiental ou deportivo en beneficio da comunidade e de balde para a veciñanza de Valdoviño.

Así as cousas, as escolas autorizadas son:

  1. Club Náutico As Forcadas
  2. Ondas Novas
  3. Carlos Lorenzo Gutiérrez
  4. Ferrol Surf School
  5. Alawa Surf School
  6. Pantin Surf Camp
  7. Asolas no Puntal
  8. Valdo Surf School
  9. Friends & Family Surf School
  10. RSM Surf School
  11. Layback Surfcamp
  12. Camino Surf

En todo caso, correspóndelle á Administración xeral do Estado a fixación do importe dos canones pola utilización ou aproveitamento do dominio público marítimo-terrestre, así como a titularidade dos dereitos económicos derivados da dita utilización ou aproveitamento. Isto é, o cobro de tasas.