Valdoviño arranca a programación cultural de maio coa obra De ti e mailo mundo que apañes, un percorrido pola obra da poeta Xela Arias
Dispoñibles na Casa da Cultura os convites para a función deste venres
Coa vista posta na celebración este mes do Día das Letras Galegas, o Concello de Valdoviño arranca este venres a programación cultural de maio coa obra «De ti e mailo mundo que apañes», a cargo de Xarope Tulú. A compañía estreará o seu espectáculo no municipio, a partir das 20,30 horas no auditorio, co apoio da Rede Cultural da Deputación provincial.
Trátase dunha peza que combina a narración oral con outras linguaxes escénicas. Esta proposta tenta facer un breve percorrido pola obra da poeta Xela Arias, sumerxíndonos tanto na súa poesía como na súa breve pero interesante obra narrativa. Xela, a poeta que ten máis de actual que de histórica. Un percorrido que nada ten de cronolóxico pero moito de persoal.
Está dirixido a un público a partir dos 14 anos, e o aforo é reducido por mor dos protocolos de prevención fronte á covid-19. Así, para asistir é preciso retirar invitación na Casa da Cultura a partir de hoxe de 11 a 14 horas e de 16 a 20 horas.
Xarope Tulú é unha compañía comprometida coas linguaxes escénicas dirixidas á infancia e á mocidade, que convida a viaxar por mundos singulares. Fundada no ano 2015 pola actriz Atenea García e o músico Nicolás Zamorano, as súas propostas intentan achegar entre si as diferentes linguaxes escénicas: a narración oral, o teatro de obxectos, a interpretación actoral e a música. Ademais as súas montaxes intentan non aferrarse a un único estilo interpretativo; facilitando o descubrimento doutros mundos posibles e a creación dun espazo para a reflexión.