Valdoviño aproba provisionalmente a delimitación de 37 novos núcleos rurais que permitirá a posibilidade de edificar para 500 propietarios
A medida saíu adiante cos votos de PSOE e BNG e o voto en contra do PP
Valdoviño, 9 de febreiro de 2024. Cos votos a favor de PSOE e BNG e o voto en contra do PP, Valdoviño sacaba adiante en pleno a aprobación provisional da delimitación de novos núcleos rurais, que pasarán de 53 a 90, aumentando substancialmente a superficie edificable. Unha medida que beneficiará a máis de 500 propietarios das oito parroquias de Valdoviño. O Concello acóllese deste xeito ás posibilidades que lle brinda a Lei do Solo de Galicia, e confía en contar en breve cos dous informes sectoriais pendentes que permitirían a aprobación definitiva da medida (o de Urbanismo da Xunta sobre a competencia en materia de Costas e o de Costas do Estado). Nesta liña, o alcalde, Alberto González, asegurou que a medida non só facilitará o crecemento urbanístico do Concello senón que ata o momento xa permitiu paralizar a instalación de pas eólicas ao establecer novos límites de referencia respecto a superficies urbanizables.
En todo caso, Alberto González avanzou que a delimitación destes novos núcleos incorporarase ao Plan de Urbanismo cuxo proxecto estase a piques de rematar para a súa aprobación inicial, e evitará a suspensión da tramitación de licenzas unha vez se inicie esta fase. Segundo o rexedor, opoñerse a esta medida é opoñerse á capacidade de crecemento urbanístico de Valdoviño, e impedir a posta a disposición dos veciños e veciñas dos seus terreos para establecerse no seu municipio.
O proceso de delimitación de novos núcleos iniciábase en 2018, cando a proposta do Concello, a Xunta de Galicia incorpora no Plan Básico Autonómico unha serie de asentamentos de poboación susceptibles de delimitarse como núcleos rurais, ampliando deste xeito a capacidade para edificar nestes espazos. En 2021, o pleno aprobaba por unanimidade esta medida, que tras pasar por exposición pública, recibía tan só 28 alegacións.
Os novos núcleos rurais son os seguintes:
Lago: A Bouza da Cabra-Soutullo, Preitela-O Penido, Viansil, O Vilar de Lago
Valdoviño: Bacorelle, A Cachaveira, O Chamorro, A Costeira-Gonzalvite, A Mourela, O Portodoso, A Rocha
Pantín: A Ramalleira, O Xestal
Vilarrube: O Castro-A Escola, As Ferrerías, As Folgueiras, Liñeiro, O Puntal, Quengo
Loira: Candaíl, Crecente, Loiravella, Os Martices, A Rañoa
Vilaboa: Os Bidueiros, O Camiño Grande, O Caneiro, A Carbeira, Pena do Boi, San Pedro, O Seixidal, A Vilaxe, Vilela
Meirás: A Cubeta, O Amedo
Sequeiro: O Seixidal