Valdoviño aproba iniciar os trámites para formalizar o irmandamento con Nigrán

Trátase de formalizar e impulsar os estreitos vínculos entre os dous municipios que estableceu dende os anos 70 o surf

O Concello de Valdoviño aprobou en pleno iniciar os trámites para formalizar o irmandamento con Nigrán. Por unanimidade de todos os grupos, o acordo alcanzouse na sesión celebrada onte á tarde. Un paso adiante impulsado pola estreita vinculación dos dous municipios, que comparten a consideración de pioneiros do surf en Galicia, e que abrirá as portas para emprender múltiples obxectivos comúns, como a celebración conxunta de eventos deportivos, colaboracións técnicas, redes temáticas, intercambios de estudantes… Iníciase agora un procedemento que requerirá dun intenso traballo no que se buscará, especialmente, a implicación da cidadanía. 

O surf tense convertido nun importante revulsivo económico para a nosa localidade, con 25 kms de costa e 17 praias; coa celebración da proba máis lonxeva de Europa, o Pantín Classic, Festa de Interese Turístico de Galicia, e sendo sede do único centro adicado á cultura do surf en España: o Océano Surf Museo. A relación entre Valdoviño e Nigrán remóntase aos anos 70, propiciada especialmente por Vicente Irisarri, impulsor principal do Pantín Classic e nexo de unión entre as tres principais áreas do surf galego: Vigo, A Coruña e Ferrol. Froito do surf é o nacemento na nosa comarca de espazos de encontro comerciais, sociais e culturais, que van impregnando en Valdoviño o carácter e o espírito do surf.

Segundo explicou o alcalde, Alberto González, os lazos entre ambos municipios son evidentes dende o punto de vista cultural, agora só se trata de formalizalos e impulsalos a través das institucións nun irmandamento. Os dous concellos desexan fomentar así a cultura surfista común e promover os valores que conleva.

Sería o primeiro irmandamento para Valdoviño e unha fórmula excelente para manter ese vínculo que nos une dende os anos 70, e coma primeiro paso para facer da costa, do mar, un espazo común con outros puntos tanto do noso país coma do estranxeiro.

 *A imaxe que ilustra esta noticia foi tomada en 2018, na visita realizada polo alcalde e a concelleira de Turismo a Nigrán para presentar o Océano Surf Museo