Valdoviño aproba inicialmente un orzamento de 7,1 millóns con prioridade para o gasto social
O documento económico saía adiante cos votos do grupo de goberno
Valdoviño, 5 de setembro do 2025. O Concello de Valdoviño aprobaba inicialmente o orzamento para o 2025 na sesión plenaria celebrada onte á tarde cos votos a favor do grupo de goberno. O documento eleva as contas a 7.114.356,95 euros, equiparando gastos e ingresos. Supón un incremento do 6% respecto ao último orzamento aprobado, en xuño de 2024, e recolle unha serie de novos investimentos en obras e servizos que a Administración local poderá materializar tras a súa entrada en vigor.
O orzamento, que pasará agora a información pública, dá continuidade ás políticas dos últimos anos, e volve priorizar o gasto social e a atención ás persoas, a través de programas como o servizo de axuda no fogar ou o plan de inclusión social. Así mesmo, prioriza tamén os investimentos en proxectos culturais e deportivos, e co apoio doutras administracións como a Deputación da Coruña, recolle novas intervencións en materia de acondicionamento da rede viaria municipal.
