Valdoviño aproba en pleno a ordenanza reguladora de terrazas na hostalería

O texto, aprobado por unanimidade, incorpora as aportacións realizadas polo sector no encontro organizado polo Concello

Tras o periodo de consultas públicas, o goberno municipal levaba onte a pleno a aprobación da ordenanza reguladora da instalación de terrazas no municipio. Un documento que a corporación respaldaba por unanimidade e que, como lembraba o alcalde, Alberto González, recolle as aportacións realizadas polo sector no encontro organizado polo Concello para explicar as súas liñas mestras. Esas aportacións son, principalmente, eliminar a obrigatoriedade de renovar anualmente as licenzas para terrazas sitas en espazos privados, e a posibilidade de que os equipos de sonido e pantallas estén operativos en horario nocturno. O límite horario quedou establecido nas 22,30 horas en inverno e nas 23,30 horas na tempada estival.

A ordenanza virá a cubrir un baleiro na normativa municipal, regulando o réxime xurídico ao que debe someterse a instalación de terrazas en terreos de uso público, e dará maior seguridade xurídica a estas.

A norma detalla o proceso de concesión de licenza, requisitos a cumprir, dereitos  e obrigas, ou actividades incluídas, entre outros aspectos.

O seguinte paso será a súa publicación en boletín oficial para entrar na fase de exposición pública.