Valdoviño aproba a súa adhesión ao PEL Reactiva, unha liña de axudas para microempresas e persoas autónomas
Unha vez aprobada a solicitude por parte de Deputación, o Concello estará en condicións de anunciar a convocatoria
O alcalde de Valdoviño, Alberto González, informou esta mañá de que a Xunta de Goberno Local aprobaba esta semana a adhesión á convocatoria da nova liña do Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación da Coruña, PEL-Reactiva. Unha liña de axudas dirixida á reactivación económica e social para paliar a crise xerada pola covid-19 nas microempresas e persoas autónomas.
Os fondos poderán ser destinados, entre outras cuestións, a gastos de adaptación e acondicionamento dos negocios á nova realidade derivada da Covid-19, compra e instalación de mamparas, adquisición de produtos de limpeza e protección, así como a gastos correntes.
Unha vez aprobada a solicitude por parte da Deputación, o Concello anunciará a convocatoria para que microempresas e persoas autónomas poidan beneficiarse destas contías. A achega provincial constitúe o 80% da axuda total a distribuír, poñendo o Concello o 20% restante con fondos propios. Así, no caso de Valdoviño, o importe da cuantía das axudas ascenderá a 85.997,47 euros, dos que Deputación aportará 68.797,98 euros.
Nesta liña, González explicou que esta liña de axudas si permite acollerse a outras convocatorias de subvencións, polo que considera que serán beneficiosas para os potenciais solicitantes. Liña de axudas que se sumará ás iniciativas propias postas en marcha polo Concello. Entre elas, e no ámbito fiscal, paralizar o cobro do recibo do imposto de vehículos de tracción mecánica (rodaxe); establecer, dacordo con Viaqua, medidas excepcionais en relación ao servizo da auga (entre elas, non cobrar o consumido dende o 13 de marzo aos negocios que pechasen a partir desa data, ampliar o periodo de pago voluntario ou suspender os cortes no subministro por impagos); aprobar exencións no recibo do servizo de recollida do lixo para aquelas empresas e traballadores/as autónomos/as que se visen obrigados ao peche ou cese de actividade, ou mermada a súa actividade ou produción nun 70% a raíz do estado de alarma imposto polo COVID-19, ou activar o Plan Mellora de formación e acceso ao emprego.