Valdoviño aproba 50 axudas de apoio ao estudo

O Concello destinará unha partida lixeiramente superior os 7.000 euros a esta liña de subvencións escolares para familias con menos recursos

Valdoviño, 12 de setembro do 2025. Medio centenar de familias beneficiaranse da liña de axudas de apoio ao estudo que promove o Concello de Valdoviño a través da Concellería de Servizos Sociais. A Xunta de Goberno Local aprobaba esta semana a concesión de 50 subvencións, tras descartar outras 12 solicitudes presentadas por, na maioría dos casos, exceder os ingresos máximos establecidos para optar ás axudas. No seu conxunto, o Concello destinará algo máis de 7.000 euros a estas bolsas que permiten o financiamento de gastos derivados da adquisición de material escolar e tamén de transporte.

Estas axudas de apoio ás familias buscan facer efectivo o principio de igualdade no exercicio do dereito á educación, e o seu fin é compensar a aquelas familias que, polas súas condicións económicas, teñan máis dificultades para afrontar os gastos derivados da escolaridade.