Valdoviño amosa nunha concentración cidadá a súa condea a cada acto machista, a cada agresor e a quen nega, minimiza ou xustifica

Desenvolveuse ás portas da casa consistorial, no marco do programa Somos e Contamos deseñado polo Concello con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres

Valdoviño, 25 de novembro do 2025. Valdoviño conmemoraba este 25 de novembro ás portas da casa do concello, cunha concentración cidadá ás doce do serán na que se daba lectura á declaración institucional aprobada pola corporación municipal, que facía seu o manifesto da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). O concelleiro Alejandro García era o encargado de poñer voz ao texto, no que se reivindica unha vez máis a necesidade urxente de erradicar unha violencia que, polo feito de ser mulleres, continúa a ser estrutural na nosa sociedade. Unha violencia que puxo fin á vida de 32 mulleres durante este ano en España, dúas delas en Galicia, ademais de tres menores asasinados -65 dende 2003-. Neste contexto, Valdoviño, a través desta concentración, quixo visibilizar a condea de cada acto, de cada agresor e tamén a quen nega, minimiza ou xustifica a existencia desta violencia, xa que o negacionismo non só fere a memoria das vítimas, senón que desprotexe ás que sofren e debilita o compromiso social para combatela.

Conscientes de que a desigualdade estrutural segue presente nas vidas das mulleres, e que os estereotipos e patróns de xénero continúan nos ámbitos da economía, da cultura, da política e do deporte, sendo a violencia de xénero a súa expresión máis cruel, é preciso erguer a voz por aquelas mulleres que atopan máis barreiras para acceder á información e á protección, e traballar para garantir os seus dereitos con servizos e recursos adecuados, en condicións de plena igualdade. Así mesmo, esta mañá, a través da lectura da declaración, destacábase o compromiso da cidadanía na loita contra a violencia machista, animando a actuar con unidade e a rexeitar con firmeza os comportamentos violentos e a quen os ampara, e concluía cunha mensaxe directa ás mulleres: hai saída, non estades soas. Nin hoxe nin nunca.

O acto concluía cun minuto de silencio en lembranza das vítimas, que se rompía cun sentido aplauso das presentes.

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL 25N