Valdoviño albergará este sábado o I Torneo de Fútbol Xuvenil-Memorial Raúl Montero “Monty”

Está organizado pola SD Valdoviño na súa aposta pola canteira

Valdoviño, 16 de abril do 2025. Valdoviño acollerá este sábado 19 de abril o I Torneo de Fúbol Xuvenil-Memorial Raúl Montero «Monty». Organizado pola SD Valdoviño co apoio da Real Federación Galega de Fútbol e a colaboración do Concello e da Deputación da Coruña, contará coa participación do Libunca e do Narón Freixo que, xunto aos anfitrións, pelexarán sobre o campo por facerse co trofeo desta primeira edición.

Segundo explica o director deportivo do club local, José Carlos Teijeiro, o torneo nace da aposta decidida da SD Valdoviño pola canteira. Lembrou que este ano creaban o equipo xuvenil, no seu camiño por recuperar as categorías base, e deste xeito buscan poñer en valor o traballo que se está realizando neste sentido. Ademais, o club lembrará a un dos seus xogadores, Raúl Montero «Monty», falecido o pasado ano. Unha homenaxe a un veciño novo moi querido no club que deixou unha fonda pegada entre os seus compañeiros.

O torneo arrincará ás 11:00 horas no campo de fútbol de Mourente, co enfrontamento entre o Valdoviño e o Libunca. Ás 12:00 horas haberá duelo naronés entre o Libunca e o Narón Freixo, e xa ás 13:00, este último medirase ao Valdoviño. Serán partidos de 45 minutos, e o que sume máis puntos farase coa victoria.

A entrada é libre, e dende o club e o Concello de Valdoviño animan á veciñanza a achegarse ao campo e desfrutar do espectáculo que, de seguro, ofrecerán sobre o terreo de xogo os tres equipos xuvenís.