Valdoviño albergará este sábado o I Campionato de España de Cans de Rastro sobre Xabaril Salvaxe

Prevese a chegada dun millar de visitantes ao municipio atraídos pola competición, que reunirá ós mellores monteiros nacionais da especialidade
Valdoviño, 30 de maio do 2023. Valdoviño será escenario este sábado 3 de xuño do I Campionato de España de Cans de Rastro Atrelados sobre Xabaril Salvaxe. Unha proba, declarada evento de especial relevancia pola Secretaría Xeral para o Deporte, organizada pola Real Federación Española de Caza en colaboración coas sociedades de caza federadas de Xubia (Narón), Urogallo e Valdoviño. Con ela, a organización prevé a chegada dun millar de visitantes ao municipio, atraídos pola competición, que reunirá aos mellores monteiros nacionais da especialidade, seleccionados nas súas respectivas autonomías. Será destacada a presenza de representantes das comunidades de Asturias, Cantabria, País Vasco, Castela e León, Navarra, e tamén Galicia, onde hai máis tradición.
Paralelamente a este Campionato de España, celebrarase a I Copa de España de Cans de Rastro Atrelados sobre Xabaril Salvaxe JUNIOR, cuxo obxectivo é promocionar e potenciar entre os máis novos o deporte cinexético, inculcando neles os valores que representa, como espirítu deportivo, respecto cara o seu can e os seus compañeiros, o coidado do medio ambiente, e ao mesmo tempo terán a oportunidade de competir nun evento de alto nivel.
Aínda que a competición desenvolverase durante toda a xornada do sábado, coa concentración dos participantes na restaurante A Trasanquesa ás 8 h e o inicio ás 9 h, o venres está prevista unha recepción oficial e a entrega de documentación ás seleccións autonómicas e competidores no auditorio da Casa da Cultura, a partir das 19:30 h.