Valdoviño activa unha campaña de recollida de material de primeira necesidade para a poboación de Ucraína
Veciños e veciñas xa poden realizar as súas entregas no almacén anexo á Farmacia Romero Rico cedido polo despacho farmacéutico
Valdoviño, 7 de marzo de 2022. Valdoviño activa unha campaña solidaria de recollida de material de primeira necesidade con destino á poboación de Ucraína. O Concello garantirá que chegue ó seu destino a través da Asociación Galega de Axuda a Ucraína (AGA-Ucraína), encargándose do traslado dos recursos. Así mesmo, a Farmacia Romero Rico cede o almacén anexo ó despacho para recibir as doazóns de material por parte de veciños e veciñas. O horario será de luns a venres de 10 a 14 h e martes e xoves tamén de tarde, de 17 a 20 h. Ademais, o Concello informa de que aquelas persoas interesadas en facilitar a chegada e aloxamento en Valdoviño de persoas refuxiadas poden dirixirse ao departamento municipal de Servizos Sociais para realizar a correspondente tramitación (con cita previa no 981 48 70 41).
No tocante á campaña de recollida, dende o Concello insístese en que os produtos deben ser novos ou estar en boas condicións. As principais necesidades a cubrir son:
-Roupa térmica, tanto para neno/a como para persoas adultas
-Medicamentos
-Comida (sobre todo conservas, ante as dificultades da poboación para o acceso á auga ou lume no que cociñar)
-Celo e caixas para empaquetar
-Sacos de durmir, tendas de campaña, mantas
-Produtos de hixiene persoal
Por último, anímase á veciñanza a sumarse á iniciativa e, na medida das súas posibilidades, axudar a unha poboación sen os recursos máis mínimos para a supervivencia.