Valdoviño acollerá unha xornada informativa sobre as oportunidades de estudo e laborais para a mocidade na UE

Promovida por Europe Direct A Coruña, da que forma parte o Concello, desenvolverase no CPI Atios de 9:30 a 15 h o vindeiro 9 de xuño

Valdoviño, 26 de maio de 2022. A iniciativa «Somos Moitos Tour» que promove Europe Direct A Coruña, e da que forma parte o Concello de Valdoviño, chegará ao noso municipio o xoves 9 de xuño. Trátase dunha campaña de comunicación sobre oportunidades e políticas xuvenís para a participación e inclusión social da mocidade. En horario de 9,30 a 15 h, e dirixida ao alumnado da ESO, levarase a cabo no CPI Atios, onde se desplegarán 4 carpas coas seguintes temáticas:

-“Descubrindo Europa”: carpa con actividades coas que abordar o concepto de Europa de forma divertida.

–  “España para ti”: onde se falará máis en concreto sobre as oportunidades de prácticas e voluntariado para os mozos e mozas en España e se levarán a cabo actividades sobre este tema.

– “Europa para ti”: onde se desenvolverán actividades co obxectivo de dar cantas máis informacións aos mozos e mozas sobre as oportunidades de emprego en Europa. Centraranse en EURES e na construción do CV.

– “Agora falo eu”: nesta carpa deixarase a palabra aos/as participantes e, en principio, plantearanse 4 temas: medio ambiente, inclusión, diversidade e educación.

En definitiva, un proxecto informativo, itinerante e participativo a través do que se ofrecerán ferramentas, coñecementos e metodoloxías da educación non formal para dar a coñecer as principais oportunidades nacionais e europeas para a formación, o emprego e a educación.