Valdoviño acollerá unha formación para facilitar o labor dos coidadores de persoas dependentes
Será en 2 sesións nas que se abordarán terapias non farmacolóxicas, mobilizacións e transferencias seguras ou prevención de problemas cutáneos
Valdoviño, 7 de outubro do 2026. O Concello de Valdoviño acollerá a próxima semana unha acción formativa dirixida a familias e coidadores de persoas afectadas de deterioro cognitivo e dependentes en xeral. A iniciativa celebrarase en dúas xornadas, os días 14 e 15 de outubro, de 11:00 a 13:00 horas no centro sociocomunitario. Na primeira abordaranse síntomas e fases do alzheimer, estratexias de comunicación coa persoa afectada e terapias non farmacolóxicas. A segunda, de carácter eminentemente práctico, centrarase nas mobilizacións e tranferencias seguras, prevención de problemas circulatorios e cutáneos en persoas encamadas ou técnicas para facilitar a autonomía nas actividades básicas da vida diaria.
A formación busca brindar ferramentas e coñecementos prácticos para mellorar a calidade de vida das persoas afectadas con demencia, e ao mesmo tempo, facilitar o labor das persoas coidadoras.
A participación é de balde, con inscrición previa nos Servizos Sociais Municipais -planta baixa da casa consistorial-, teléfono 981 48 70 41 extensión 5, ou email servizos.sociais@concellodevaldovino.com.
As sesións estarán guiadas por AFAL Ferrolterra, e o programa é posible grazas ao financiamento da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol e o apoio do Concello de Valdoviño.
