Valdoviño acollerá un programa de 8 semanas de promoción da saúde centrado no benestar emocional

A Concellería de Deportes abre o prazo para anotarse na iniciativa, dirixida a veciños e veciñas maiores de 30 anos e con participación gratuíta

Valdoviño, 27 de xaneiro do 2026. Tras a magnífica acollida veciñal na súa primeira edición, Valdoviño albergará unha nova acción do Programa de Promoción da Saúde, centrada neste caso no Benestar Emocional. Celebrarase do 25 de febreiro ao 22 de abril, con clases semanais na casa da cultura, de 12:00 a 13:15 horas, e dirixido a veciños e veciñas maiores de 30 anos. A través de charlas e sesións prácticas, búscase coidar a mente e as emocións, compartindo experiencias, aprendendo a xestionar os factores estresantes do cotiá, e finalmente, procurando sentirse mellor.

As inscricións están abertas no departamento municipal de Deportes, a través do correo deportes@concellodevaldovino.com, habilitado tamén para a recepción de consultas sobre o programa. Ademais, aquelas persoas que prefiran anotarse presencialmente poden facelo no rexistro municipal da casa consistorial.

O programa está organizado pola Rede Galega de Promoción da Saúde (Regaps) da Dirección Xeral de Saúde Pública, co apoio do Concello de Valdoviño. A finais de outubro levábase a cabo unha primeira experiencia na que tomaban parte unha vintena de veciños e veciñas interesados na adopción de hábitos de vida saudables a través da actividade física, a alimentación saudable e o benestar emocional.