Valdoviño acollerá o curso para obter o título oficial de Adestrador Nacional en Surfing Nivel 1

Está organizado pola Mancomunidade co apoio de Deputación e a inscrición nesta acción formativa gratuíta ábrese o próximo luns

Valdoviño será sede dun curso de monitores/as de surf, impartido pola Federación Galega, e organizado pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol coa colaboración da Deputación da Coruña. As persoas participantes poderán obter o título oficial de Adestrador Nacional en Surfing Nivel I. 

A acción formativa desenvolverase entre os meses de outubro e novembro, con participación gratuíta. Hai un total de 12 prazas reservadas para persoas empadroadas en calquera dos 21 concellos que forman parte do destino turístico Ferrolterra-Rías Altas: Ares, Cabanas, A Capela, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Moeche, Monfero, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, Pontedeume, As Pontes de García Rodríguez, San Sadurniño, As Somozas, Valdoviño e Vilarmaior. 

A inscrición poderá realizarse entre as 8.00 horas do próximo luns 5 de outubro e as 12.00 horas do xoves 8 mediante un formulario que estará dispoñible na web da Federación Galega de Surf ou no seguinte enlace: https://forms.gle/2BM7LZZ2TqMdEH4v7.

As prazas asignaranse por rigoroso orde de entrada e estarán condicionadas á superación dunha proba de acceso. 

O obxecto desta iniciativa é continuar desenvolvendo os servizos turísticos relacionados co surf, coa finalidade de xerar emprego e seguir consolidando a marca turística Costa das Ondas como destino sostible, que, ademais de dispoñer dun medio natural excepcional, conta cunha oferta profesional de calidade. 

A páxina web da Federación Galega de Surf conta cun apartado no que se pode acceder a información detallada sobre este tipo de cursos, que a entidade vén desenvolvendo en convocatorias previas que tiveron lugar noutros puntos da comunidade: http://www.fgsurf.org/.

 

.