Valdoviño acollerá este sábado un obradoiro dirixido a mozos e mozas sobre as oportunidades de emprego na UE

Terá lugar na Biblioteca e, con prazas limitadas, é preciso inscribirse previamente chamando ao departamento municipal de Cultura

Valdoviño, 12 de abril do 2023. Baixo o título “Impulsa o TEU futuro: portais e oportunidades de emprego na UE”, o Concello de Valdoviño acollerá este sábado un obradoiro dirixido a mozos e mozas de entre 18 e 30 anos, graduados universitarios ou técnicos de FP, estudantes dos últimos cursos, ou público xeral interesado na mellora das súas habilidades profesionais. De 2 horas de duración, arrancará ás 10 horas na Biblioteca Municipal, e as prazas son limitadas, polo que as persoas interesadas deben anotarse chamando á Casa da Cultura 981 48 76 66 -de 10 a 13 h- e 645 305 229 de 16 a 20 h- ata o venres ás 13 h -ou completar aforo-. 

A iniciativa está organizada por Europe Direct A Coruña, coa colaboración do Concello, e o obxectivo é formar a mozos e mozas na mellora das súas competencias e habilidades dixitais, ensinándolles a adecuar os seus perfís profesionais ás capacidades demandadas polo mercado laboral europeo. 

Así, no taller ofrecerase formación sobre o uso dos portais EURES e como sacarlle o mellor partido ao currículo Europass, así como sobre as oportunidades que existen dentro da Unión Europea no eido das prácticas laborais e do emprego e da importancia cada vez maior das habilidades dixitais.