Valdoviño acollerá este mes o II Torneo de A Frouxeira Classic de rugby praia, puntuable para o campeonato de España

Organizado pola Asociación Cultural e Deportiva Almallo Rugby, disputarase os días 30 e 31 de xullo no areal valdoviñés

Valdoviño, 15 de xullo de 2022. O Concello de Valdoviño acolleu esta mañá a presentación do II Torneo A Frouxeira Classic de rugby praia. O alcalde, Alberto González, xunto ao concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, e Enrique Cardona e Jesús Victoria, presidente e secretario respectivamente do clube organizador, a Asociación Cultural e Deportiva Almallo Rugby, avanzaban a súa celebración para os días 30 e 31 de xullo. O campionato forma parte das Series Españolas, de modo que os equipos gañadores na categoría masculina e feminina puntuarán na clasificación xeral, avanzando no camiño para proclamarse campións de España na modalidade de Rugby Praia 5 e asegurando o seu pase ao campionato de Europa. 

Hoxe mesmo pechábase a inscrición, e Victoria sinalaba que o torneo contará con 16 equipos, destacando a participación feminina, con 8 formacións, que sitúan ao torneo como un dos de maior participación de mulleres no territorio nacional. 

Neste contexto, Alberto González sinalaba A Frouxeira como unha das mellores canchas deportivas do municipio, sede de citas deportivas de altísimo nivel como este torneo de rugby ou outras como o campionato de España de surfing que se celebrará nas próximas semanas. Destacaba así o potencial turístico do deporte, que se está a converter nos últimos anos no mellor escaparate do municipio, coa súa positiva incidencia na economía local e, nomeadamente, no sector servizos. 

Pola súa banda, Sergio Saavedra sinalaba que, como o ano pasado, o torneo permitirá achegar este deporte a un público máis amplo, e especialmente, a nenos/as e mozos/as, xa que a organización levará a cabo sesións de iniciación abertas á cidadanía en xeral. 

Así mesmo, a competición virá acompañada dunha oferta de ocio complementaria que incluirá diferentes actividades lúdicas e musicais. 

PROGRAMA

Así, o venres, 29 de xullo, ás 20 horas, terá lugar a benvida aos participantes e o sorteo de encontros, que tamén poderá seguirse vía streaming a través das redes sociais do clube. A continuación, sesión DJ con Nash ata a 1 da madrugada. O sábado a competición disputarase en horario de 16 a 21 horas. Ademais, haberá un Clínic sobre esta modalidade de rugby que REDE RUGBY impartirá pola mañá da man de Alberto Mera, mánager xeral, e Francisco Usero, director deportivo, xogador internacional e adestrador do CRAT da Coruña feminino -equipo que compite na liga Iberdrola, a máis alta categoría do rugby nacional-. No village, animación musical a partir das 21:30 horas. O domingo regresa a competición de 10 a 14 h e, sobre as 14,30 h, prevese a entrega de trofeos.