Valdoviño acollerá de novo unha das probas do Dúatlón Escolar da Coruña
Organizada polo Concello de Valdoviño e a AD Náutico de Narón, celebrarase o 16 de febreiro na contorna do campo de fútbol de Meirás
Valdoviño, 7 de febreiro do 2025. Valdoviño volverá acoller este ano unha das probas clasificatorias para a Final provincial do Dúatlón Escolar da Coruña. Será o vindeiro domingo 16 de febreiro a partir das 10:30 horas, co campo de fútbol de Meirás como punto de saída e meta da competición. Ao fronte da organización, Concello de Valdoviño e AD Náutico Narón, clube que guía cada semana as clases de dúatlon incluídas no programa de extraescolares que organiza a Concellería de Deportes no CPI Atios. A Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta e a Federación Galega de Triatlón promoven e patrocinan a proba, incluída no programa XOGADE.
A cifra de participantes coñecerase nuns días, unha vez se peche o periodo de inscrición nas categorías benxamín, alevín, infantil e cadete, masculino e feminina. Ademais, e para animar aos máis pequenos e pequenas a iniciarse nesta disciplina que combina atletismo e ciclismo, a organización celebrará unha proba para categoría prebenxamín, para nenos e nenas de 6 e 7 anos, que poderán apuntarse a través da web da Federación Galega de Triatlón. Neste último caso, as distancias a cubrir serán de 200 metros (carreira), 500 metros (bicicleta) e 200 metros (carreira).
CORTE DE TRÁFICO
A competición obrigará a cortar o tráfico dende as 9,30 ata as 14,00 horas na estrada de acceso ao Faro de Punta Frouxeira dende o campo de fútbol de Meirás, zona de concentración da proba e punto de saída e chegada da mesma. No dispositivo de seguridade traballarán conxuntamente Protección Civil e Policía Local.