Valdoviño acollerá as I Xornadas de Tecnificación de Tiro con Arco Composto, guiadas polo internacional Alberto Blázquez Arboniés

Celebraranse os días 2 e 3 de abril, dirixidas a deportistas con licenza nacional que, competindo a nivel estatal, busquen mellorar a súa técnica

Valdoviño, 21 de marzo de 2022. O Club Arco A Frouxeira abre a inscrición nas I Xornadas de Tecnificación de Tiro con Arco que, guiadas polo arqueiro internacional Alberto Blázquez Arboniés co apoio do deportista local Adrián Orjales, se desenvolverán en Valdoviño. Celebraranse os días 2 e 3 de abril no Centro Sociocomunitario -fase teórica, o sábado 2 de abril de 9:30 a 14 h- e pavillón do Longoiro -fase práctica, sábado 2 de abril de 16 a 20 h e domingo 3 de 9:30 a 14 h-. Están dirixidas a deportistas con licenza nacional que, competindo a nivel estatal, busquen mellorar a súa técnica na modalidade de arco composto. A cuota de participación é de 30 euros. 

A acción formativa, que promove a Federación Galega de Tiro con Arco, conta co apoio do Club Arco A Frouxeira e o Concello de Valdoviño. As inscricións deben formalizarse no correo arcoafrouxeira@gmail.com. 

Entre os contidos a abordar están os fundamentos da técnica de base para arco composto; proceso metodolóxico de ensinanza do arco composto; análise de resultados do circuito internacional, eficacia do tiro por sorpresa; problemas derivados de decidir o disparo cun soltador mecánico; principios básicos do material a utilizar á hora de empezar a tirar con arco composto; posta a punto inicial dun arco composto, ou os 5 pasos para unha correcta regulación do arco e a flecha en arco composto, entre outros. 

SOBRE ALBERTO BLÁZQUEZ ARBONIÉS

Arqueiro profesional adicado en exclusividade ao tiro con arco, tanto deportiva como profesionalmente a través da ensinanza e a distribución de material. Medallista en Copas do Mundo; 4º e 5º de Europa individual e 3º en equipos Mixtos. 9º do Mundo de Sala e Pro Staff de Mathews, Easton, Arc Systeme, Zebra Bowstrings, Spider Vanes, Synunm Archery. 6 veces campión de España Absoluto. 6º do Ranking Mundial de sala 2022. Seleccionador Nacional de Arco Composto e integrante do Comité Nacional de Adestradores do 2001 ao 2003. Actual adestrador e coordinador dun grupo de máis de 30 arqueiros de arco composto en diferentes clubes, comunidades autónomas e países.

 

CIRCULAR XORNADAS