Valdoviño acolle un curso básico de Protección Civil a instancias da Agrupación Local

Arrincaba o sábado no centro sociocomunitario, e continuará esta fin de semana coa participación dunha decea de futuros voluntarios

Valdoviño, 12 de xuño do 2025. Valdoviño acolle este mes un curso básico de Protección Civil, formación necesaria e imprescindible para poder integrarse nalgunha das agrupacións locais de voluntarios. A acción formativa ten o centro sociocomunitario como escenario, e o alcalde, Alberto González, xunto ao concelleiro de Seguridade, Benito Vega, e o xefe de Protección Civil de Valdoviño, Francisco Dopico, inauguraban o curso o pasado sábado. Nel toman parte unha decea de mozos e mozas procedentes de diferentes puntos da provincia da Coruña. Entre sábado e domingo, completaron as primeiras horas de formación, de 32 horas, achegándose a conceptos básicos, ademais de nocións de seguridade vial e comunicacións.

A próxima fin de semana, os días 14 e 15 de xuño, completarán a acción, centrada en intervencións vinculadas a incendios, e tamén, respostas fronte a emerxencias médicas.

O curso está organizado pola Asociación Provincial de AVPC de A Coruña a instancias da agrupación local co ánimo de facilitar a participación de persoas interesadas en sumarse como voluntarias, e está impartido por compañeiros das AVPCS da provincia.