Valdoviño acolle este sábado unha edición especial verán do Feirón na Porta do Sol
Organizado pola Asociación de Mulleres do Rural María del Mar Becerra co apoio do Concello, celebrarase en horario de mañá
Valdoviño, 7 de agosto do 2025. Valdoviño celebrará este sábado 9 de agosto unha edición especial verán do seu Feirón. Así o avanzaba a Asociación de Mulleres do Rural María del Mar Becerra, que promove o mercadillo de fin de mes co apoio do Concello. Deste xeito, a entidade colabora así na dinamización do corazón do centro urbano, organizando unha actividade con moi boa acollida por parte de veciñanza e visitantes, e aproveita tamén o tirón turístico da localidade neste mes de agosto para programar un novo mercadillo co que «premiar» a fidelidade dos vendedores e vendedoras que acuden durante todo o ano á súa cita en Valdoviño.
A gran explanada da Porta do Sol situada fronte á Casa Joselito acollerá deste xeito os postos, durante toda a mañá. Poderemos atopar roupa e complementos, alimentación e mesmo produtos da horta. Así mesmo, dende a asociación anímase a aproveitar a visita ao feirón para desfrutar tamén da ampla oferta hostaleira da zona.
