Valdoviño acolle este mes o seu I Open de Dominó
Aberto a xogadores afeccionados e federados, está organizado polo club Dominó CVM, e é puntuable para o Campionato Galego e Estatal
Valdoviño, 4 de outubro do 2024. Valdoviño celebrará o sábado 19 de outubro o seu I Open de Dominó. A competición será puntuable para o Campionato Galego e tamén para o Estatal, e nela poderán participar tanto xogadores e xogadoras afeccionadas como federadas. Precisamente, a Federación Galega de Dominó, xunto á Asociación Recreativa Dominó CVM, organizan o open, que repartirá preto de 600 euros en premios. A inscrición está aberta, e pode formalizarse chamando ao teléfono 636 110 492, onde tamén se atenden consultas. A cuota é de 40 euros, e inclúe a comida no mesmo lugar de celebración do torneo, o restaurante Brisas de Valdoviño.
O Open, que conta co apoio do Concello, arrincará ás 10:15 h coa primeira ronda, e durante a mañá celebraranse outras tres. Haberá parón ás 14:30 horas para o xantar, e sobre as 16:00 horas retomarase para continuar durante toda a tarde. Haberá premios para os catro primeiros equipos clasificados, e máis outros tres para as tres mellores parellas.
Esta competición forma parte do circuito de dominó galego, que este ano inclúe 14 opens en toda a Comunidade. A puntuación no ránking dá acceso ao campionato galego, e no caso deste torneo, tamén conta para o nacional. O club CVM, fundado en 2017, reúne a xogadores e xogadoras dos municipios de Cerdido, Moeche e Valdoviño e ao longo do ano promove unha liga local que vai rotando por diferentes emprazamentos das tres localidades. Hai afección, e tamén moi bos xogadores e xogadoras na zona, como destacan dende o club, incluso con campións galegos como José Sedes e Víctor Lago, que conquistaban o título en 2022.