Valdoviño acolle este luns a presentación dun programa para a mellora das competencias dixitais dirixido a mulleres desempregadas

Celebrarase no auditorio ás 12:30 horas, e as mulleres interesadas en participar deben acudir con DNI e a demanda de emprego

Valdoviño, 13 de outubro do 2022. O Concello de Valdoviño acollerá o vindeiro luns 17 de outubro a presentación do programa «Muller Rural», co que se promoverán accións formativas gratuitas en materia dixital dirixidas a mulleres desempregadas ou en situación de mellora de emprego. O acto celebrarase no auditorio municipal da casa da cultura, a partir das 12:30 horas. As mulleres interesadas en participar deben acudir co DNI e o documento de demanda de emprego.

O programa contempla tres cursos -de 40 horas de duración cada un-: Competencias dixitais básicas (desenvolvemento de dixital para a vida cotiá), competencias dixitais avanzadas (desenvolvemento de estratexias dixitais para o traballo) e iniciación ás competencias dixitais básicas para o emprendemento (desenvolvemento das habilidades dixitais). Así mesmo, cada acción complétase cun modulo de formación para a igualdade de 5 horas.

Con acreditación oficial, aquelas mulleres que realicen a formación, tamén recibirán ao remate unha tablet con teclado externo.

O programa, que promove a UTE Muller Dixital en toda a provincia, conta con financiamento dos fondos europeos Next Generation no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Estado.

Para obter máis información, as persoas interesadas teñen á súa disposición o teléfono 881 82 03 45, o correo matriculas@mullerdixital.gal e a web www.mullerdixital.gal