Valdoviño acolle este domingo o Campionato provincial de Duatlón escolar
A proba obrigará a restrinxir a circulación rodada na estrada de acceso ao Faro, dende o campo de fútbol de Meirás, en horario de mañá
Valdoviño, 27 de abril de 2022. O Campionato Provincial de Duatlón escolar disputarase este domingo, 1 de maio, en Valdoviño. Máis concretamente, o campo de fútbol de Meirás será punto de saída e chegada para os/as participantes na competición, obrigando así a cortar o tráfico de 9,30 a 12,30 h a estrada que conduce ao Faro dende ese punto.
A proba está dirixida a deportistas inscritos e inscritas no programa XOGADE das categorías benxamín, alevín e infantil clasificados nas fases previas. Promovida pola Secretaría Xeral para o Deporte, a organización corre por conta da AD Náutico de Narón co apoio do Concello de Valdoviño, a través da Concellería de Deportes.
As distancias a cubrir varían en función da categoría, dende os 280 ata os 1.200 metros da carreira e dende os 1.100 ata os 5.400 m do percorrido en bicicleta. En todo caso, un percorrido vistoso para participantes e público. As saídas darán comezo a partir das 10,40 h.