Valdoviño acolle a proclamación das novas campionas de España de surf nas categorías Sub 12 e Sub14
Paula Díaz e Annette González-Etxabarri subiron onte ao máis alto do pódium nas súas respectivas categorías
As novas promesas do surfing nacional demostraron onte na Frouxeira o porque do auxe do surf feminino en España. Na segunda xornada do Campionato de España de Surfing, as surfistas batíronse en duelo nun día no que as condicións do mar foron e viñeron. O punto de marea marcou o desenvolvemento da competición, e incluso chegou a provocar un parón de dúas horas na mesma. Nestas condicións, as mellores deportistas das categorías Sub 12 e Sub 14 foron Paula Díaz e Annette González-Etxabarri, que nunha nova demostración de talento xuvenil presentan a súa candidatura a novas estrelas do surf español.
Hoxe esperamos un novo día de competición, no que ademais do puramente deportivo, poderemos desfrutar de actividades complementarias no marco do Green Wave Market. En concreto, unha charla ás 16 h onde o público poderá interactuar sobre a relación do surf co océano e a importancia do seu coidado medio ambiental.