Valdoviño acolle a exposición do XVII Premio Internacional de Arte Gráfica Jesús Núñez
Poderá visitarse na Casa da Cultura ata o vindeiro 29 de outubro
Valdoviño, 9 de outubro de 2023. . Ata o vindeiro 29 de outubro, a sala de exposicións temporais da Casa da Cultura de Valdoviño acollerá a mostra itinerante do XVII Premio Internacional de Arte Gráfica Jesús Núñez. Recolle unha selección das 140 obras presentadas ao certame por autores de ata 20 países de todo o mundo, realizadas en moi diversas técnicas -gravado calcográfico, litografía, xilografía, serigrafía…-. Chega a Valdoviño da man da Deputación Provincial da Coruña, impulsora do certame como recoñecemento ao labor da Fundación «Centro Internacional da Estampa Contemporánea» de Betanzos e ao artista Jesús Núñez.
A obra gañadora nesta edición foi Ikatz/Harri II, de Myriam Gesalaga Eizagirre, namentras que Fátima Conesa, con El mar recordó, e Claudia Regueiro con S.T. (open letter), eran premiadas cun accésit, e Mariana Pino, con Composizione Polifonica, e Joan Polo, con S.T., eran recoñecidos con sendas mencións de honra.
A mostra poderá visitarse de luns a venres de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.