Valdoviño abre inscricións no Día da Bici
Celebrarase o domingo 6 de outubro cun percorrido entre as parroquias de Loira e Vilaboa, bordeando o encoro das Forcadas
Valdoviño, 27 de setembro do 2024. Valdoviño celebrará o primeiro domingo de outubro, día 6, unha nova edición do Día da Bici. E novamente As Forcadas será o escenario elixido para acoller unha iniciativa lúdica que aúna deporte, natureza e hábitos saudables. Está dirixida a nenos e maiores, e esta mañá abríase o prazo de inscrición no percorrido, duns 11 quilómetros de dificultade baixa, bordeando o encoro entre as parroquias de Loira e Vilaboa. A folla de inscrición pode recollerse e entregarse no rexistro municipal da casa consistorial, e tamén na delegación en Ferrol de La Voz de Galicia -rúa Manuel de Cal, no Cantón de Molíns-.
A marcha partirá do campo de fútbol Juan Sabín-O Lameiro, onde se habilitará un punto informativo a partir das 10:30 h no que tamén se formalizarán as inscricións de última hora. Ás 11:00 h está prevista a concentración dos e das ciclistas, e media hora despois, a súa saída. Lembran dende a organización a obrigatoriedade de acudir con casco, e a necesidade de que nenos e nenas vaian acompañados dunha persoa adulta.
A iniciativa, que promove o xornal e a emisora Radiovoz, conta coa colaboración do Concello e firmas como Eroski, Cándido Hermida, Proymel e a Cooperativa de Vilaboa, ademais doutros negocios que apoian a xornada coa cesión de agasallos para o sorteo que se realizará a posteriori entre as persoas participantes. Son as cooperativas de Lago e de Meirás, Librería Xeila, Electrodomésticos Nito, Talleres PF Ladeira, Cabaliño do Lago, Paintball A Lagoa, Restaurante A Saíña, Pide&Pika, Abanca, Gairesa e Bisucrame (neste caso, de Narón).
Así mesmo, Protección Civil e Policía Local participarán no dispositivo de seguridade que se activará ao longo do percorrido.