Valdoviño abre inscricións na XI Milla Urbana

O concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, avanza a súa celebración, ao longo do paseo da lagoa da Frouxeira, para o domingo 22 de setembro

Valdoviño, 6 de setembro do 2024. A contorna da praia e lagoa da Frouxeira converterase un ano máis no privilexiado escenario da Milla Urbana do Concello de Valdoviño, que se celebrará o domingo 22 de setembro. O concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, avanzaba esta mañá a apertura do prazo de inscrición na cita, que alcanzará neste 2024 a súa undécima edición. Con participación gratuíta, nenos/as e maiores poden anotarse a través do portal web www.galitiming.com. Ata o xoves previo á carreira, o 19 de setembro, ás 23:59 h.

A proba deportiva está dirixida a afeccionados ao atletismo de todas as idades- dende a categoría biberón ata veteráns-, e o circuito habilitarase ao longo do paseo da Frouxeira, con distancias que oscilan entre os 100 e os 1.609 metros, segundo a categoría.

Nas inmediacións da caseta de socorrismo habilitarase un punto informativo onde os atletas poderán retirar o seu dorsal o mesmo día da Milla, dende as 10:00 h. Unha hora máis tarde comezará a proba, con saídas escalonadas dos corredores e corredoras. Na categoría biberón haberá medalla para todos os nenos e nenas que participen na cita, namentras que no resto, optarán a medalla os tres primeiros clasificados -masculino e feminina-.

A Milla Urbana, que organiza o Concello de Valdoviño, conta co apoio da Deputación da Coruña, así como coa colaboración da Agrupación Local de Voluntarios de Protección Civil e da Policía Local.