Valdoviño abre inscricións na Volta ás Forcadas

A carreira popular celebrarase o 25 de xuño, con participación gratuíta
Valdoviño, 16 de maio do 2023. O Concello de Valdoviño celebrará o vindeiro 25 de xuño a sexta edición da carreira popular Volta ás Forcadas, e esta mañá avanzábase a apertura do prazo de inscrición na cita a través da web www.galitiming.com ou presencialmente na Concellería de Deportes (primeira planta da casa consistorial, de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas). A participación, nas diferentes categorías, é gratuíta, e o tope para apuntarse, o 18 de xuño.
Trátase dunha cita deportiva coa que crear e fomentar hábitos de vida saudable entre a veciñanza, abandoando o sedentarismo e ofrecendo a posibilidade de ocupar de forma saudable o tempo de lecer. Un obxectivo que pasa porque a actividade física en nenos e en familia sexa un elemento fundamental das persoas. De aí esta carreira, onde o importante non son os resultados, senón a participación.
A carreira arrancará ás 11 horas e o punto de saída e meta será o campo de fútbol Juan Sabín, en Vilaboa. Un ano máis, permitirá aos participantes descubrir unha contorna natural única como é o encoro das Forcadas, considerado xa o segundo mar do municipio.
Nela poderán participar nenos e maiores, con diferentes distancias a cubrir segundo a categoría. Dende os 100 metros dos pitufos ata os 9 km dos sénior e veteráns. Iso si, a saída irase realizando de forma escalonada.
O Concello quere agradecer a colaboración da Cooperativa de Vilaboa na cita, así como o apoio de Policía Local e Protección Civil no operativo.
O regulamento pode consultarse na web municipal: REGLAMENTO VI CARRERA FORCADAS 2023 (2)