Valdoviño, a 84 veciños de alcanzar os 7.000
Ao longo do 2020, sumou 364 altas no padrón municipal, e o Concello busca agora rebasar a cifra dos 7.000 veciños e veciñas
O alcalde de Valdoviño, Alberto González, avanzou esta mañá que o Concello está a piques de alcanzar os 7.000 veciños e veciñas. A peche de 2020, o padrón municipal contaba con 6.916 persoas residentes.
Nesta liña, Alberto González sinalou que ao longo do pasado ano rexistráronse ata 364 altas que explica en varias razóns. Por un lado, o estado de alarma «animou» a persoas residentes a empadroarse para xustificar así a mobilidade e, por outro, as posibilidades que ofrece o municipio para desenvolver un estilo de vida saudable e en contacto permanente coa natureza tamén resultaron fundamentais para elixir Valdoviño como residencia habitual.
Neste contexto, o alcalde asegura que o obxectivo agora do Concello é alcanzar esa cifra de 7.000 habitantes, o que permitiría sumar ingresos para continuar ampliando servizos. Deste xeito, iniciará nas próximas semanas unha campaña de difusión en redes dando conta dalgunhas dos argumentos polos que Valdoviño é o lugar perfecto para vivir.