Uns 250 veciños e veciñas tomarán parte na programación deportiva municipal de “Valdoviño Saudable” durante este curso

A inscrición continúa aberta en diferentes actividades, con prazas libres

Valdoviño, 2 de outubro do 2024. Un total de 251 veciños e veciñas formalizaron a súa inscrición en «Valdoviño Saudable», a programación deportiva do Concello de Valdoviño para este curso 2024-2025. As clases arrancaban co inicio do mes de outubro nos diferentes espazos, como o pavillón do CPI Atios, O Longoiro, o Centro Sociocomunitario ou o local social de Pantín. As actividades de ioga, e ximnasia en Meirás e en Valdoviño teñen a día de hoxe os grupos pechados, ao rexistrar 50, 35 e 40 inscricións respectivamente. No caso de ximnasia en Vilarrube e atletismo no Atios non se alcanzou a cifra mínima de persoas anotadas, polo que non se celebrarán neste curso, e no resto das actividades, manterase a inscrición aberta ao quedar prazas vacantes.

Neste sentido, a Concellería de Deportes lembra que poderá formalizarse na casa consistorial -primeira planta de luns a venres de 9 a 14 h- ou a través da web municipal, onde tamén se pode consultar a oferta, horarios e localizacións. A cuota mensual varía, segundo a actividade, entre os 8,86 e os 12,54 euros.

INSCRICIÓNS ONLINE