Unha ruta con Xurxo Souto e o concerto de Copos de Avea pechan este martes en Valdoviño o IX Jazz de Ría
O percorrido polos “Balcóns ao Atlántico” arrincará ás 19 horas na praia de Pantín
Valdoviño, 18 de agosto do 2025. O Festival Jazz de ría reserva para o seu remate final este martes en Valdoviño unha das actividades máis agardadas desta edición: Xurxo Souto será o guía de excepción da ruta Balcóns ao Atlántico, que levará ao público a pé desde a caseta de socorrismo da Praia de Pantín ata o Baleo, un percorrido por paisaxes espectaculares no que se combinan tramos de campo con tramos de area. A medio camiño, na zona do castro do Rodo, o artista coruñés, na súa dobre faceta de músico e contador de historias, volverá sobre a memoria daquelas vellas orquestras de jazz que marcaron o imaxinario musical da comarca. A ruta comezará ás 19:00 horas.
Como vén sendo habitual nas últimas edicións, o festival despedirase ao solpor na praia do Baleo cunha proposta que non pode ser máis acaída para ese privilexiado escenario: os sons cálidos do cuarteto Copos de Avena, que fusionará revisións de boleros clásicos que renden homenaxe á rica herdanza cubana, standards de Bossa Nova e tamén composicións de autoras como Silvia Pérez Cruz, Natalia Lafourcade, Rita Payés ou Jorge Drexler.
A formación integrada pola vocalista compostelá, Gloria Pavía, o guitarrista e compositor vigués Iago Marta, o baterista de Domaio Héctor Agulla e a contrabaixista cubana Yudith Almeida consegue achegar unha ollada contemporánea e moi propia a todo este repertorio.
O festival completa así o seu programa xuntando nunha única imaxe todos os valores que artellan a súa proposta: música jazz diversa e de calidade, aposta polo talento galego, fusión co territorio, respecto polo patrimonio histórico e natural, e implicación coa veciñanza. A pequena ladeira que precede á praia será o auditorio natural no que se acomodará o público para escoitar a música luminosa e delicada desta novísima banda (no caso de chuvia, a actividade trasladarase á Casa da Cultura de Valdoviño).
Será o peche a cinco días de festival percorrendo catro concellos da comarca- Narón, Neda, Cedeira e Valdoviño- e consolidando un vínculo cada vez máis forte cun público que, aos poucos, foi facéndolle oco a esta programación que aposta por levar o xénero jazz a todo tipo de espazos e públicos.
O Jazz de ría está organizado por Luneda Producións e promovido polo Padroado do Concello de Narón e os concellos de Neda, Cedeira e Valdoviño, coa colaboración da Deputación da Coruña e Artistas en Ruta.
